O sendeiro parte da praia de Abrela, galardoada con Bandeira Azul dende o ano 2009 e cunha zona dunar importante.
Continúa o percorrido pola praíña de Porto de Val, con augas moi tranquilas e dende onde se pode apreciar que saen embarcacións pesqueiras pequenas.
O seguinte punto de interese é a praia de Alegrín, praíña escondida e en estado totalmente virxe, onde tamén se pode ver un pequeno guindastre para baixar embarcacións. A continuación pódese visitar a cetaria de Medas do Castro, onde se pode ver como se aproveitou o entorno rochoso para construír esta cetaria.
Finalmente, chegamos á Punta Socastro, tamén coñecida popularmente como Fuciño do Porco, co miradoiro natural sobre a praia de Pereira e Area Grande e cara ao leste a Ría de Viveiro. Remata o Sendeiro Azul na baliza luminosa de Punta Socastro.