Costa da Mariña de Lugo
Propoñemos unha ruta por toda a Costa da Mariña partindo do Vicedo, lugar máis occidental desta costa.
O primeiro punto importante que atoparemos será Viveiro, unha das cabeceiras de comarca e destacable polo seu casco histórico (Porta de Carlos V, Capela Ecce Homo, Mosteiro de Valdeflores…). Seguindo o noso camiño encontraremos o Concello de Xove, onde destaca a súa fermosa costa (Faro de Roncadoira, Illa de Ansarón…). O Concello de Cervo tamén ten unha costa moi interesante e cabe destacar alí o complexo de Sargadelos co seu Museo Histórico, ademais do Museo Provincial do Mar.
O seguinte concello co que nos toparemos na nosa ruta será o de Burela, onde resalta o seu puxante porto pesqueiro e lonxa e pódese visitar, ademais, o Barco Museo Boniteiro “Reina del Carmen”.
O Concello de Foz recibiranos cos seus quilómetros de praias e puntos emblemáticos na comarca como o Castro de Fazouro, a súa fermosa Ría, e a Basílica de San Martiño.
Barreiros é outro concello no que destacan as súas praias, a destacar o entorno da Praia das Catedrais, declarada unha das praias máis fermosas do mundo, visitable en marea baixa.
Finalmente, Ribadeo ofrece tamén unha costa fermosísima, comezando na Praia das Catedrais e continuando cara ao leste para visitar o Faro de Illa Pancha. O Casco Histórico de Ribadeo é moi destacable (Praza do Campo, Torre dos Moreno…)
Máis información:
O Interior da Mariña de Lugo
O interior da Mariña esconde auténticos tesouros por descubrir nunha ruta dun día que comezaría en Ourol, onde gozar das espectaculares paraxes naturais da Serra do Xistral e a Fraga do Sor
Continuaríamos polos concellos do Valadouro e de Alfoz, onde destacaríamos o Museo Etnográfico da Auga , o río Ouro e a Ruta Pardo de Cela.
O camiño vainos achegando á fermosa vila de Mondoñedo, cun fantástico casco histórico, a catedral e, ademais, a Cova do Rei Cintolo. O seguinte paso na nosa ruta polo interior da Mariña levaríanos a Lourenzá, co Mosteiro de San Salvador e o Pazo de Tovar como principais puntos de referencia.
Continuamos o noso camiño por Trabada, que destaca polo seu entorno natural e as súas rutas de sendeirismo homologadas. A continuación, remontando o Río Eo, alcanzaríamos os concellos da Pontenova e Riotorto. Na Pontenova merece a pena visitar as Minas de Vilaoudriz, os Fornos de Vilaoudriz, a Vía Verde do Eo e o Museo de Arte Sacro de Santa María Conforto. En Riotorto admiraremos as súas fermosas paraxes naturais encravadas na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Máis información:
Ortegal
Propoñemos unha viaxe dun día pola costa de Ortegal que comezaría na coñecida “Costa de Loiba”, dentro do Concello de Ortigueira, onde se poden admirar os acantilados e salvaxes praias que se van alternando nun entorno moi salvaxe e onde, ademais, atópase encravado o famoso Banco de Loiba.
O camiño continúa visitando a turística vila de Espasante, rodeada por fermosas praias e onde pode que vos crucedes co porco de San Antón, porco que anda pola vila e que coidan os veciños cada ano ata que chega a época da matanza.
A seguinte visita lévanos a Ortigueira, vila na que merece a pena perderse entre as súas rúas, visitar a súa alameda ao lado do mar e observar a súa ría de altísimo interese ornitolóxico.
Continuamos a visita cara ao oeste, achegándonos a Cariño para visitar o seu porto pesqueiro, o Cabo Ortegal, co seu moi destacable faro. Seguimos a liña de costa para observar os acantilados máis altos da Europa continental e, por suposto, o Santuario de San Andrés de Teixido, encravado nun entorno natural impresionante ao lado do Océano Atlántico.
A nosa proposta remata na vila de Cedeira, que conta cun precioso porto pesqueiro e fantásticas praias.
Máis información:
Folleto
A Mariña Lucense, máxica por natureza
Folleto
O Vicedo, natureza envolvente