Antigamente denominada Santa María de Suevos, en recordo aos suevos, antigo pobo bárbaro que invadiu Galicia.
Obra do s. XVI con posteriores reformas do XVIII, de nave rectangular, outra transversal con transepto cuberto de bóveda nervada en terceletes e ligaduras, presbiterio con bóveda de canón e pórtico sobre a entrada meridional da nave. Na fronte, leva arco adintelado e furna coa Virxe da Inmaculada en pedra e fermosa torre sen terminar.
Conserva no interior dous retablos de estilo rococó. O dereito de dous corpos policromado e con imaxes de Santa Escolástica, Santa Rita, Santa Apolonia (pintada ao óleo), Santo Domingo de Guzmán e Santa Teresa de Xesús. O esquerdo tamén de dous corpos e con imaxes de San Roque, San Antonio, San Ramón Nonato e unha Virxe co Neno pintada ao óleo. Na sancristía consérvase un fermoso cáliz do século XVII de prata cincelada e con anxos no pé, unha custodia do século XVII, de sol, prata, estilo renacemento con conchas e anxos, e un cáliz más sinxelo de prata.
A continuación sinalamos algunhas notas históricas relativas a dita igrexa, e recollidas por Juan Donapetry no seu libro “Historia de Vivero y su concejo”:
A pintura do retablo maior e as imaxes que aparecen nel, foi encargada a D. Pedro de Insoa, pintor e veciño de Viveiro, o 6 de xuño de 1618, polo licenciado Souto, cura de Suegos, e Pedro Fernández, primicerio da igrexa, en nome de todos os veciños.
Don Juan Antonio Osorio y Bolaño, Párroco de Suegos, outorgou testamento o día 15 de decembro de 1758 e por el institúe catro misas de aniversario, rezadas e perpetuas, nesta igrexa e altar da confraría da Nosa Señora de los Dolores, coa súa novena, pola esmola de catro reais de vellón cada unha, as cales carga sobre unha casa que tiña na vila de Viveiro, próxima ao canto de Santiago, a que deixa a dita confraría, así como unha herdade sita no Chao de Liñares, termos de San Pedro de Mosende, e ademais mil reais de vellón para a erección, servizo e aumento da referida confraría.
O 29 de outubro de 1826, o cura párroco don Nicolás Abadín y Toxeiro, o fabricario Emilio Ribeira e máis veciños desta parroquia, terminaron o baldosado das sepulturas de cantería que necesitaba a igrexa, por conta das súas propias rendas, sendo cada sepultura tan ancha e longa como as vellas que hai na capela maior e de groso cinco polgadas; cada un constará de tres pezas, a do medio cun burato, por onde caiba a chave para levantala; as sepulturas dos párvulos colocaranse contra as paredes e pagaranse con a rebaixa que merezan con respecto ás maiores; a obra había de estar rematada o 14 de agosto de 1827 e contratouse a Juan Cociña, veciño da parroquia.